RESIS BLANCO 4II.gif

Grupo Instrumental S.XX

KALLIGRAPHIE

"Música para o que non está escrito"

Sábado, 12 de maio

Aquarium Finisterrae

(Sala Nautilus)

 

20:00h, Inscripción previa

(no Aquarium Finisterrae)

Estrea absoluta

Que música escoitaría o capitán Nemo no seu submarino? Era un tolo, un visionario? Sen dúbida, sería un enxeñeiro minucioso, alguén que escribiría cartas de coidada caligrafía.

 

Kalligraphie é un concerto único que escribe música baixo a auga. Un dos espazos máis fascinantes dos museos de ciencia coruñeses é esa sala circular, onde sen dúbida flota o espírito de Verne, rodeada dun tanque de auga con criaturas mariñas do Atlántico, entre elas algunhas quenllas e o seu emblemático tiburón touro que atende por Gastón: a sala Nautilus do Aquarium Finisterrae.

 

Convidámosvos a vos mergullar na nosa particular Nautilus. A Nautilus de RESIS. A ondularvos con son. As notas recenden a sal. Os violíns xemen de humidade. Catro millóns de litros de auga atlántica que baña os ósos de Xerión...rodéanvos. Que os rodaballos [Psetta maxima] esculquen de esguello as vosas reaccións, que o gran tiburón touro [Carcharias taurus] despregue os dentes como unha soprano arroutada, que o máxico corno de narval se vos crave no corazón. Que a música flote no voso interior, filamentos de sargazos, se disolva como a caligrafía dunha carta nun galeón afundido.

 

Non saquedes o periscopio [nin o móbil] ao mundo exterior de aí arriba. Ficade aquí, neste gabinete, co tímido peixe anxo [Squatina squatina] ao que lle presta Bach e mimetízase co fondo para chorar feliz; coas xardas irisadas que len haikus; entre douradas [Sparus aurata] dodecafónicas; nestas hidrotopías onde un trilo é onda, ondas do mar do Orzán. Onda nunha música para o que non está escrito.
 

E con quen máis? Con Florian Vlashi (Albania, 1963), por exemplo. El é fillo dun escritor e director de teatro albanés, e o mascarón de proa do recoñecidísimo Grupo Instrumental s. XX, grazas ao cal a música de cámara, experimental e de vangarda –sempre centrada nese século XX intenso e claroscuro [grandes guerras pero tamén profundísimas renovacións musicais]– leva máis de 20 anos escoitándose en Galicia, e non só.

 

Todos os seus integrantes son músicos que namorarían ao capitán Nemo e ás buguinas. Para este concerto, o cuarteto estará formado por Mihai Tanasescu, violín, Raymond Arteaga, viola, Rediana Lukaçi, violonchelo e Florian Vlashi no violín e a dirección.

 

Un luxo de tripulación para o gabinete Nautilus: ondas de son e marusía para eses 42 litros de auga que aproximadamente es, adulto sapiens.

EQUIPO ARTÍSTICO

Dirección e violín

Florian Vlashi

 

Violín

Mihai Tanasescu

Viola

Raymond Arteaga

Violonchelo

Rediana Lukaçi

Compositores

Anton Von Webern

Toshio Hosokawa

Manuel Balboa

Josep María Guix

Ramón Otero Moreira

Johann Sebastian Bach

Presenta

Estíbaliz Espinosa

Resis Festival A Coruña

resisfestival@gmail.com

  • Instagram - Resis Festival
  • Facebook - Resis Festival
  • Twitter - Resis Festival
  • Vimeo - Festival Resis

Imaxe por Xurxo Gómez-Chao

Deseño web por Paloma Rodríguez