BEGO M. SANTIAGO

(Santiago de Compostela, Galicia 1980)

 

É unha artista visual de carácter interdisciplinar, especializada no uso da luz como ferramenta pictórica e escultórica. A súa obra explora a retroalimentación entre o real e o representado, a través de binomios tales como: real / falso, presenza / ausencia e orixinal / copia. A luz é para ela unha ferramenta de simulación e ilusión óptica capaz de dar vida a obxectos inanimados, difuminando os límites entre realidade e conciencia. 

 

Nos seus traballos utiliza todos os medios que a tecnoloxía lle ofrece, sen renunciar ás técnicas tradicionais, a pintura e a escultura. Experimentando con novos tipos de pantallas e materiais que potencien efectos ópticos de profundidade e tridimensional. Pero tamén co lúdico, requirindo a presenza e a actuación do público, xa que o espectador é considerado non como un suxeito de recepción pasiva da obra, senón como un elemento activo e necesario que forma parte da mesma. 

Licenciada en Belas Artes e Mestrado en Arte e Tecnoloxía, exerceu como docente no departamento de Cine e Animación da Facultade de Arte, Arquitectura e Deseño de Praga. En 2012 trasládase a Berlin para formar parte do equipo de MEDIENWERKSTATT, departamento de arte e tecnoloxía de “Bethanien Kunstraum” como investigadora en colaboración con HTW - Universidade de Ciencias Aplicadas de Berlín.

 

Dende a súa primeira exposición internacional en 2005, como parte do proxecto Video-Dictionary con Antoni Muntadas e Alicia Framis, entre outros, a súa obra foi exposta na Casa Encendida, MACBA, Matadero de Madrid, La Noche en Blanco, Image-Forum (Tokio), Mapping Festival (Xinebra), MeetFactory (Praga), FILE – Festival Internacional de Linguaxe Electrónica do Brasil, entre outros. 

 

Entre a súa actividade recente destaca, o premio á mellor curtametraxe documental da 48° edición do Festival Alcances (Cádiz), residencias artísticas en Museums Quartier (Viena, Austria) e Cultura Resident do Consorcio de Museos da Generalitat Valenciana onde desenvolve o seu proxecto “Cosmos: todo o que esta ordenado”. Exposto durante o Art Basel Miami 2018, unha das vídeo instalacións que compón o proxecto é adquirida por Bechtler Museum of Modern Art (NC, USA) para a súa colección permanente.

Resis Festival A Coruña

resisfestival@gmail.com

  • Instagram - Resis Festival
  • Facebook - Resis Festival
  • Twitter - Resis Festival
  • Vimeo - Festival Resis

Imaxe por Xurxo Gómez-Chao

Deseño web por Paloma Rodríguez