ESTÍBALIZ ESPINOSA RÍO

(A Coruña, 1974, ano da mensaxe dende o radiotelescopio de Arecibo.)


Escritora e músico. Escribe poemas e ensaios baixo a aurora da ciencia, especialmente da astronomía.


Como músico traballa como cantante [soprano e mezzo]. De formación en parte autodidacta, formou parte do Coro da Orquesta Sinfónica de Galicia e de Aisis e seguiu cursos con profesoras como Vera Mamleew, Carmen Subrido, Manuela Soto ou Fernando Balboa. Así mesmo, é intérprete de música non lírica e nesa liña artellou proxectos persoais como Escrita no ceo: música, astronomía e poemas, con voz, piano, samplers e aquófono. Tamén escribe habitualmente notas ao programa e traducións para a OSG.


Ten publicados 7 libros de poemas entre eles, Curiosidade [Aira Ed.], As neuronas irmás [Afundación, Arte de Trovar], Zoomm. textos biónicos [Eds. Xerais], papel a punto de [El Gaviero Eds]...


Escribe e publica relatos, ensaio e comunicación científica, principalmente no eido da astronomía. Ten colaborado literariamente co Planetario da Coruña. Publicou un libro de astronomía para nenos, en Apiario Eds. así como 13 relatos sobre outras tantas mulleres científicas [iBooks, 2105].


Formouse como socióloga e filóloga hispánica pola UDC, e traballa como escritora e tradutora freelance; e traduciu, editou e publicou en galego poetas como Sholeh Wolpé, Yasuhiro Yotsumoto ou Tal Nitzán. Partes da súa obra traducíronse a linguas entre as que se atopan o hebreo, o catalán, o xaponés, o castelán ou o inglés. Recibiu premios como o Esquío, o Afundación-Pen Club, o Díaz Jácome, La voz+joven ou o Espiral Maior.


É astrónoma afeccionada. Busca a constelación que une ciencia, poesía e muller.


www.estibalizespinosa.com
@criaturamecanic

Resis Festival A Coruña

resisfestival@gmail.com

  • Instagram - Resis Festival
  • Facebook - Resis Festival
  • Twitter - Resis Festival
  • Vimeo - Festival Resis

Imaxe por Xurxo Gómez-Chao

Deseño web por Paloma Rodríguez