TRAXEDIA DA ESCOITA

 

Bonshō / 梵鐘, é como se denominan as grandes campás de bronce que se atopan nos templos budistas de Xapón. O bonshō golpéase dende o exterior, empregando un mazo de man ou unha viga suspendida por cordas. Os sons reverberan serenidade, paz, e lembran que non existe separación algunha entre nós e os demais. Un son para sentir o feito de que todos os fenómenos e todos os seres e cousas son o “eu”. Todo o universo, a natureza, é o “eu”; e humildemente “eu” son un coa natureza. Estas formulacións e estas campás están presentes en moitas obras do compositor xaponés Toshio Hosokawa (Hiroshima, 1955).

 

Os seus ecos forman parte de partituras tan importantes como Voiceless voice in Hiroshima e tamén na peza para piano Nacht Klänge (Sons da noite) onde forman parte dunha natureza nocturna. Hosokawa compuxo Nacht Klänge en 1994 para conmemorar o 70 aniversario do que fora o seu mentor, o compositor suízo Klaus Huber. A peza representa perfectamente o recoñecible estilo do xaponés e vencéllase a importantes proxectos desa mesma época como os ciclos Vertical Time Landscape.

 

«O son mantido da campá -como os dos templos xaponeses que soan á media noite na véspera de aninovo, con longos períodos de pausa entre cada son- impregna o fondo do espazo, crea un eco, e logo mestúrase cos sons resoantes doutras campás. Isto xera un novo son resoante. Un son resoante coa súa harmonía complexa representa a campá do templo, que paseniño e continuamente impregna as notas do fondo (que representan o aire e a néboa), creando un eco distante».


As palabras de Hosokawa remiten, en certo senso, ás que Luigi Nono (Venecia, 1924-1990), autor que deixou unha forte pegada no xaponés, escribira sobre a súa peza para piano .....sofferte onde serene...: «Na miña casa na illa Giudecca, en Venecia, o continuo repicar das campás con diferentes sons chéganos día e noite a través da néboa e co sol, con diferentes resonancias de significados variados...».


As reverberacións das campás tanguéronse para Luigi Nono a golpe de dor. A composición .....sofferte onde serene... (traducible como .....sufridas ondas serenas...), para piano e cinta magnetofónica, escribiuse entre 1974 e 1976 con motivo de diversas mortes, tanto na familia de Nono como na do seu amigo o pianista Maurizio Pollini, para quen compuxo esta peza orixinalmente. A cinta confórmase enteiramente do procesamento de sons de piano gravados e finalmente reproducidos debaixo do piano, para mesturarse e resoar como os sons das campás reverberando sobre a lagoa e o mar cerca da casa do compositor.

 

O perturbador efecto desta peza, clave no repertorio pianístico do século XX, é o do tempo como dimensión superior ao instante: a vida prosegue e un permanece necesariamente –tal e como cita Nono, parafraseando a Kafka– no «equilibrio do profundo interior».


Os xogos de reverberacións nos que interactúan os materiais acústicos, os pregravados e a electrónica en tempo real son moi sutís nas páxinas de Cadencias e Interludios / Percurso I (1989/92…), obra do compositor galego Enrique X. Macías (Vigo, 1958-1995). Como noutras das súas obras, o proceso de creación é un continuo evolutivo de materiais re-formantes en distintas pezas. Neste caso, as relacións establécense cos traballos previos Sonata (1986-89), para piano, e Nobilissima Visione II / Postludios (1988-91), para piano, conxunto de cámara e electrónica. Se ben os puntos suspensivos na data de Cadencias e Interludios indicaban o ulterior desenvolvemento da peza, a prematura morte do autor aos 37 anos converteríana na súa derradeira obra para piano. Macías está considerado como un dos compositores españois máis relevantes do pasado século, o seu percorrido artístico-profesional foi verdadeiramente único e visionario entre os músicos galegos.

 

O selecto e significativo legado musical que deixou fala por si mesmo: a súa obra gravárona algúns dos intérpretes máis importantes de Europa, e ao longo da súa fugaz carreira obtivo numerosos e importantes recoñecementos e residencias artísticas ao longo do continente. Con todo, sorprende comprobar como dende o seu tráxico falecemento a súa figura e a súa obra teñen pasado (e pasan) tan desatendidas: situación que pretendemos desagraviar neste concerto.

Notas por: David Durán Arufe.

Resis Festival A Coruña

resisfestival@gmail.com

  • Instagram - Resis Festival
  • Facebook - Resis Festival
  • Twitter - Resis Festival
  • Vimeo - Festival Resis

Imaxe por Xurxo Gómez-Chao

Deseño web por Paloma Rodríguez