CHOSHI (Repertorio Honkyoku) - "Preparación"

Choshi sirve para preparar a frauta, pero tamén o corpo e a mente do intérprete. Os vellos mestres dicían que é máis a frauta que nos toca a nos que nos a ela... Normalmente é tocada antes de outras pezas e profundiza os lazos entre o bambú e o executante, contribuíndo para as mellores condicións técnicas i espirituais.

 

TABIBITO NO UTA (Fukuda Rando) - "Canción do viaxante"

Fukuda Rando (1905-1976) foi un importante compositor e mestre de shakuhachi. A súa música revela un espíritu sensible tanto á antiga tradición xaponesa como a algunha música europea da súa época. Compuxo bastantes obras para shakuhachi a solo ou con outros instrumentos.

 

MATSUKAZE (Repertorio Honkyoku) - "O viento nos pinares"

Matsukaze pertence ao repertorio da escola Nezasaha. O repertorio desta escola caracterízase por un intenso e rítmico vibrato (chamado komibuki) que recorda a intensidade da respiración dos samurais ou o vento cando pasa polas árbores. Foi composta por un membro da familia Tsugaru, do norte de Xapón.

 

TAMUKE (Repertorio Honkyoku) - "Mans postas en oración"

Tamuke é unha oración fúnebre. O título quere dicir literalmente "mans postas en oración" e tócase para lograr un estado de comuñón coa alma de entes queridos que partiron.. É unha das obras máis famosas do repertorio de shakuhachi, sendo tocada moi frecuentemente colectivamente en ocasións solemnes.

 

SASHI (Repertorio Honkyoku) - "A morte do Buda"

Sashi é unha peza con forte carácter relixioso, orixinario do monasterio de Itchoken. Está relacionada coa morte do Buda e a redención de todos os seres vivos. A lenda conta que a súa partitura foi atopada aos pes dunha estatua do Buda.

 

AJIKAN (Repertorio Honkyoku) - "Observar o son"

É das obras máis tocadas nos templos, a pesar da súa gran dificultade técnica. O concepto de "observar o son" está relacionado coa noción de "mirar co corazón". O principio de todas as cousas está no corazón e a mente, que encontran as súas manifestacións no mundo físico.

 

YOU YOU (Satoko Maeda) - "De lonxe"

You You é unha obra composta no ano 2018 poa compositora Satoko Maeda. Foi un encargo do festival mundial de shakuhachi, realizado en Londres nese ano. A obra utiliza os recursos máis individuais do instrumento, invocando valores ancestrais como forma de ultrapasar a dor e traxedia do mundo contemporáneo.

 

KYOREI (Repertorio Honkyoku) - "A campá valeira"

Kyorei é considerada por moitos como a máis antiga peza do shakuhachi. Representa o son da campá tocada por Fuke, un monxe zen que percorría os camiños da China do século IX. A lenda conta que un discípulo seu compuxo Kyorei como homenaxe póstumo ao seu mestre.

Resis Festival A Coruña

resisfestival@gmail.com

  • Instagram - Resis Festival
  • Facebook - Resis Festival
  • Twitter - Resis Festival
  • Vimeo - Festival Resis

Imaxe por Xurxo Gómez-Chao

Deseño web por Paloma Rodríguez